Portal:Pontevedra
Artigo destacado
A batalla de Ponte Sampaio foi un choque bélico que tivo lugar no lugar homónimo entre os días 7 a 9 de xuño de 1809, no escenario da Guerra de Independencia española. O conflito tivo lugar nas beiras do río Verdugo, entre unha forza conxunta de tropas regulares españolas e milicias populares galegas que se enfrontaron ás tropas francesas dirixidas polo mariscal Michel Ney. A resistencia dos españois, impediu a Ney o paso do río, véndose obrigado a retirarse.
A vitoria do mariscal Soult na batalla de Elviña, nas proximidades da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809, sobre as tropas británicas de Moore, deixaría campo libre para a ocupación de Galicia. En apenas dúas semanas rendéronse as cidades máis importantes do país. O mariscal Ney, que acompañaba a Soult, recibe ordes de controlar o Norte do país e máis Asturias, para o que centra o seu campamento en Lugo. Á par Soult pasa a Portugal, onde toma Porto no 29 de marzo. Ney saíu da Coruña, pasando por Santiago. Levaba con el uns 8 000 infantes e 1 200 xinetes, con 13 canóns. As forzas regulares españolas, ao mando do conde de Noroña, esperaron o avance de Ney en Ponte Sampaio, que era paso obrigado no camiño entre Pontevedra e Vigo. O día 7 de xuño de 1809, as tropas de Ney avistaron o inimigo. Tentouse tomar a ponte de Sampaio en sucesivos ataques frontais, que foron rexeitados. As tropas francesas procuraron vaos apropiados no río Oitavén, pero os ataques foron infrutuosos unha e outra vez, ao igual que as tentativas sobre a ponte de Caldelas. O día 9, Ney xulgou polas perdas que serían inútiles novos ataques, polo que deu a orde de retirarse a Compostela. Lugar de interese
A Basílica de Santa María a Maior é unha das igrexas parroquiais de Pontevedra. Foi consagrada como basílica o 10 de xaneiro de 1962 por Xoán XXIII.
Este templo substitúe outro anterior. A parroquia de Santa María a Maior é a igrexa matriz de Pontevedra, aparecendo documentada xa antes da concesión do foro de vila en 1169. Daquel templo consérvanse o San Pedro da contraportada occidental e o pantocrátor da clave dunha capela da nave do evanxeo. A súa construción comezou na segunda década do século XVI, dirixindo as obras o mestre Juan de Cuetos. A fachada, contratada en 1541 a Cornelis de Holanda e Xoán Nobre, comezou a construírse en 1544. Dado que boa parte do financiamento proviña do Gremio de Mareantes, en 1551 paralizáronse as obras debido á escaseza de sardiña. En 1559 pecháronse as bóvedas, e en 1570 pechouse o coro. A torre das campás aínda tardaría bastante en ser rematada. O retablo, rematado en 1623, foi derrubado e substituído a comezos do século XX. Imaxe destacada
Biografía destacada
Luís Gustavo Amado Carballo, nado en Pontevedra o 2 de maio de 1901. e finado na mesma cidade o 3 de setembro de 1927, foi un escritor galego en lingua galega, cofundador da revista Alborada e pai do hilozoísmo ou animismo. Moi relixioso, interesado pola teosofía, militou como galeguista e pertenceu ás Irmandades da Fala. Foi, xunto con Manuel Antonio, un dos poetas máis destacados do seu tempo, pertencentes ambos a xeración de 1922 (ou de 1925). Morreu prematuramente por causa da tuberculose. No ano 1982 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Sabías que...?
Artigos de calidade e bos
editar
Portais relacionados
Proxectos irmáns
|

