Aínda que a illa foi descuberta para a Coroa de Castela e Aragón, os esforzos españois en colonizala fracasaron. Ao longo dos séculos XVIII e XIX arribaron á mesma só misioneiros e distintos grupos de europeos.
En 1885, a Compañía Alemá da Nova Guinea estableceu control sobre as illas Salomón. Con todo, a administración alemá durou pouco.
En 1893, A parte sueste das Salomón foi convertida en protectorado británico e cinco anos máis tarde engadiuse a parte norte.
En 1900, Alemaña transferiu os seus restantes dominios (con excepción de Bougainville e Buka) a Gran Bretaña a cambio da retirada británica de Samoa Oriental. Desde entón, como parte das Illas Salomón Guadalcanal foi ocupada pola Coroa Británica.
En 1920 Bougainville e Buka foron postas baixo mandato australiano pola Liga das Nacións, mentres que Guadalcanal permaneceu baixo a coroa británica ata 1942, cando foi ocupada por forzas do Imperio do Xapón e, máis tarde, reconquistada por forzas estadounidenses (Ver Batalla de Guadalcanal).
En 1976 a Coroa británica concedeu o autogoberno ás illas Salomón e dous anos despois, a independencia.
O acontecemento histórico máis importante sucedido nesta illa foi a batalla de Guadalcanal, no marco da segunda guerra mundial. A comezos de 1942 a illa achábase en poder do exército xaponés, a infantaría de Mariña dos Estados Unidos chegou a Guadalcanal o 7 de agosto dese mesmo ano. O desembarco non tivo contratempos; pero a loita complicouse a partir dese momento, desatándose unha das batallas máis violentas desa guerra. Finalmente, os efectivos estadounidenses comunicaron o 9 de febreiro de 1943 a conquista da illa.