Xurdiu para fomentar a afección por ler e escribir en galego, e para divulgar a literatura galega, logo da desaparición de O Tio Marcos d'a Portela e A Monteira. O seu contido foi literario e cultural: poesías, relatos curtos, noticias sobre actividades e sobre novas publicacións. Tamén tiña unha sección de actualidade e parrafeos de crítica social e política.
De orientación galeguista, centrada na defensa e promoción do galego e na oposición ao centralismo, foi crítica co nacente rexionalismo: fronte ao "mal chamado Rexionalismo" postularon a necesidade de crear unha Liga Gallega que, como a Lliga catalá, defendese de verdade o país e que tivese por ideario "Todo por Galicia é pra Galicia". Tamén fixo esporádicas referencias burlescas á poesía galega inspirada no celtismo, dirixidas implicitamente contra a obra de Eduardo Pondal.
O proxecto tivo unha vida moi curta, o último exemplar do que se ten constancia é o número 10, do 3 de marzo de 1895.