A poboación de Honshū é de 98352000 habitantes (1990) (89101702 en 1975), e está concentrada nas chairas existentes, especialmente na chaira de Kanto, onde reside o 25% da poboación en e ao redor de Tokyo e Yokohama. Outras cidades importantes son Nagoia, Osaca, Kobe, Kyoto, Hiroxima e Sendai. A illa divídese en cinco rexións e 34 prefecturas, entre elas o Tokyo metropolitano.
A illa ten aproximadamente 1.300 km de longo e varía dos 50 aos 230km de largo, e a súa superficie total é de 227.942,85 km², ao redor do 60% da superficie total do Xapón, o que a fai un pouco máis grande que Gran Bretaña.[2] A súa superficie terrestre estivo aumentando co levantamento costeiro no norte, pero o aumento global do nivel do mar diminuíu estes efectos. Honshu ten un perímetro de 5.450km de costa.
É unha illa montañosa e volcánica, e nela prodúcense numerosos terremotos, como o gran terremoto de Kantō de setembro de 1923 que danou gravemente Tokyo, e o terremoto e tsunami de Sendai de 2011 que moveu a parte nordeste da illa ata 5,3 metros[3][4] mentres causaba tsunamis devastadores. O pico máis alto é o volcán activo Monte Fuji, con 3776 m. que converte a Honshu na 7ª illa máis alta do mundo. Hai moitos ríos, incluíndo o Shinano, o máis longo do Xapón e o río Tone, coa conca máis grande. Os Alpes xaponeses percorren a lonxitude de Honshu, dividindo a costa do noroeste (mar do Xapón) da costa do sueste (Pacífico ou mar interior); O clima é moi variable xeralmente subtropical húmido nas partes meridionais e costeiras da illa e continental húmido nas zonas norteñas e interiores.
A illa está dividida en cinco rexións nominais e 34 prefecturas, incluíndo Tokyo metropolitano. Administrativamente, algunhas illas máis pequenas inclúense dentro destas prefecturas, incluíndo as Illas de Ogasawara, Illa de Sado, Izu Shima e Illa de Awaji.