Temas

Aśvaghosha

Filósofo budista e escritor hindú. É un dos fundadores do Budismo Mahāyāna. Nun dos seus escritos atacou o sistema de castes e sostivo que se era brāhman por sabedoría, non de nacemento. Escribiu unha biografía poética de Buda, Buddhācharita, e unha epopeia lírica do xénero kāvya, Saundarānanda (‘A bela beatitude’). O estilo, se ben primitivo, queda compensado pola mesura e a busca poética.

Máis >
Filolao de Crotona

Filósofo pitagórico, médico e astrónomo grego. Mestre de Demócrito e de Arquitas, desenvolveu un sistema cosmolóxico no que a Terra se movía polo espazo de igual xeito que os outros astros, sen ter un papel privilexiado.

Máis >
Wolff Wolf

Filósofo alemán. Exerceu influencia na Aufklärung alemá, ordenando sistematicamente e dun xeito escolástico o pensamento de Leibniz, aínda que o modificou en certos puntos. Dividiu a filosofía en teórica (ontoloxía, seguida de cosmoloxía, psicoloxía racional e teodicea) e práctica (ética, política e economía).

Máis >
La Mettrie, Julien Offroy de

Filósofo e médico francés. A publicación da súa obra materialista Histoire naturelle de l’âme (1745) fíxolle perder o cargo de médico da garde-française. Continuador das teorías cartesianas, describiu o home como simple máquina material. Escribiu L' homme-machine (1748), Origine des animaux (1750) e Venus métaphysique (1752).

Máis >
Avenarius, Richard

Filósofo idealista. Formulou o empirocriticismo ou a filosofía da experiencia pura. Procurou formular cientificamente as características esenciais da experiencia, depurada das superestruturas metafísicas. Para definir os elementos orixinais que preceden a toda teoría fixo unha análise crítica do feito da experiencia, tendo en conta a relación suxeito-obxecto e os condicionamentos físicos. Empregou unha terminoloxía nova con miras a construír unha linguaxe simbólica, como a dos matemáticos. As súas obras máis notables son Kritik der reinen Erfahrung (Crítica da experiencia pura, 1888) e Der menschilche Weltabegriff (A concepción humana do mundo, 1891).

Máis >
Meslier, Jean

Filósofo francés. Coñecido como le curé Meslier, escribiu Mon testament, en que atacou a relixión e as institucións políticas e sociais do seu tempo. Voltaire publicou diversos extractos co título de Testament du curé Meslier (1762).

Máis >
Ryle, Gilbert

Filósofo inglés. Da súas obras destacan Philosophical Arguments (1945), The Concept of Mind (1949), Dilemmas (1954), A Rational Animal (1962), Plato’s Progress (1966) e Collected Papers (1971).

Máis >
Fonseca, Pedro da

Filósofo e teólogo portugués. Entrou na Compañía de Xesús en 1548 e foi profesor de filosofía na Universidade de Coimbra. Destacou pola súa teoría da ciencia media, na que admitía que Deus coñecía desde a eternidade os futuros continxentes. Entre as súas obra destacan Institutionum dialecticarum libri octo (1567), compendio da lóxica aristotélica, e Comentarii in libros metaphysicorum Aristotelis Stagiritae (1577-1612).

Máis >
Loading