O termo de Sanlúcar estivo habitado desde a Antigüidade, supóndose que pertenceu ao ámbito da civilización de Tartessos. Mencionada en diferentes textos romanos e medievais, a vila de Sanlúcar foi outorgada en señorío a Guzmán o Bo en 1297, iniciándose unha época de auxe demográfico e económico posibilitado sobre todo polo porto de Barrameda. Pola súa situación estratéxica, a cidade foi protagonista da exploración, colonización e evanxelización de América entre os séculos XV e XVII. A caída en desgraza da Casa de Medina-Sidonia en 1645, a decadencia xeral de España baixo Carlos II, o traslado da Casa de Contratación a Cádiz en 1711 e o terremoto de Lisboa en 1755 afectaron negativamente a Sanlúcar, que pasou a ter un papel cada vez máis secundario. No século XIX a actividade económica da cidade reconverteuse á viticultura e ao turismo estival, sobre un fondo de precariedade e grandes desigualdades sociais. No século XX Sanlúcar viviu os mesmos sobresaltos políticos que o resto de España, non sufrindo destrucións durante a guerra civil. En 1973 foi declarada Conxunto histórico-artístico. Desde a restauración da democracia diversos partidos sucedéronse á fronte do Concello, que se endebedou fortemente,[1][2] ao que se engade que Sanlúcar é actualmente a cidade española con menor renda per cápita.[3]