Expurgación
| Expurgación | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata | |||||||
A expurgación é a eliminación sistemática de recursos dunha biblioteca en base a unha serie de criterios establecidos.[1] É o proceso contrario á selección de materiais para a súa incorporación á colección, aínda que adoitan aplicar o mesmo tipo de razoamentos. A expurgación é vital para manter unha colección activa, xa que asegura a súa actualidade, relevancia e boa condición; por iso, debería realizarse de maneira continua.[2]
Fundamentos da expurgación
[editar | editar a fonte]Segundo Kathleen Lehman, "unha colección ben mantida e expurgada é moito máis útil ca unha chea de materiais desactualizados ou sen usar".[3] Expurgar unha colección física ten múltiples beneficios, como por exemplo:[2]
- Gáñase espazo para engadir materiais relevantes.
- As persoas usuarias poden acceder a materiais útiles rapidamente, e o persoal da biblioteca pode orientalas máis facilmente.
- A colección obtén máis reputación ao manterse actual.
- O persoal da biblioteca pode detectar mellor os puntos fortes e débiles da colección.
- Os materiais son de boa calidade e están en boas condicións físicas.
Moitas coleccións posúen compoñentes dixitais (libros electrónicos, bases de datos etc.) para os que o espazo non é un problema. Porén, isto non implica que as coleccións dixitais non deban expurgarse; do mesmo xeito que as coleccións físicas, deben permanecer actuais e facilmente accesibles: "desfacerse dos materiais que non se usan facilita a procura das persoas usuarias ao reducir o número de rexistros antigos ou irrelevantes nos seus resultados de busca".[3]
Criterios de expurgación
[editar | editar a fonte]A expurgación debería ser un elemento tratado nas políticas de desenvolvemento da colección dunha biblioteca, establecendo os criterios da entidade. A seguinte lista recolle algúns parámetros a ter en conta para as expurgacións:[2]
- Contido. Os materiais poden expurgarse se o seu contido está anticuado ou obsoleto; se é nesgado, racista ou sexista; se é irrelevante para as necesidades das persoas usuarias (por exemplo se, nunha biblioteca escolar ou universitaria, non se adapta ao currículo educativo); se non se axusta á idade das persoas usuarias (un criterio especialmente importante nas bibliotecas escolares).
- Condición. Os materiais poden expurgarse se sufriron danos irreparables (páxinas rachadas, lombos rotos...); se están sucios ou colleron malos olores; se non soportarían un novo préstamo.
- Circulación. Os materiais poden expurgarse se non foron utilizados polas persoas usuarias durante un certo tempo.
- Outros parámetros. Os materiais poden expurgarse se hai demasiados exemplares dunha mesma obra; se abondan os recursos nunha determinada área temática; se se pode sufragar a súa substitución por un exemplar novo; se existe un exemplar da mesma obra con mellores características visuais ou de contido (por exemplo, un libro ilustrado fronte a unha edición sen ilustrar).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Prosser 2020.
- 1 2 3 Larson 2008.
- 1 2 Lehman 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Larson, Jeanette (2008). CREW: A Weeding Manual for Modern Libraries, Revised and Updated (PDF) (en inglés). Texas State Library and Archives Commission. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de xaneiro de 2025. Consultado o 22 de agosto de 2025.
- Lehman, Kathleen (2014). "Collection Development and Management". Library Resources & Technical Services (en inglés) 58 (3): 167–177. doi:10.5860/lrts.58n3.169.
- Prosser, Deborah (2020). "Affect and Deaccessioning in the Academic Library: Feelings about Books and Place". Library Trends (en inglés) 68 (3): 506–520. ISSN 1559-0682. doi:10.1353/lib.2020.0003.