Antonino Salinas naceu en novembro de 1841 en Palermo, fillo de Teresa Gargotta, unha muller culta nada nunha familia nobre de Termini Imerese, e de Emanuele Salinas, alto cargo no servizo de alfándegas de Palermo.
A súa nai, moi versada en linguas clásicas e en numismática, organizara na súa casa un pequeno museo moi visitado por científicos e eruditos, tanto italianos como estranxeiros. Foi ela quen se encargou da súa primeira educación e quen lle inculcou a súa paixón polo estudo das moedas,[1] e logo do falecemento desta en 1852, cando Antonino tiña só 11 anos, foi el quen continuou como responsable da súa colección numismática, centrada na moeda siciliana posterior ao Imperio Romano.[2]
Logo do desembarco de Garibaldi en Marsala uniuse ao Exército do Sur, onde acadou o rango de tenente, e tras ser desmobilizado en xaneiro de 1861, tornou a Palermo para traballar mos arquivos municipais. Entre 1862 e 1865 fixo diversas viaxes formativas fóra de Italia. Coa axuda dunha bolsa de estudos, matriculouse na Universidade de Berlín, onde foi alumno de Theodor Mommsen. Outra bolsa o ano seguinte permitiulle continuar os seus estudos en Grecia, onde presenciou varias escavacións, e logo continuou con outras viaxes de estudo a París, Londres (1864), Roma (1865),[4]España e Inglaterra.[3]
O precoz inicio no coñecemento numismático da man da súa nai levouno a publicar en 1858, aínda con 17 anos, as súas primeiras tres colaboracións sobre a moeda púnica siciliana.[1][2][5][6][7] A súa ampla formación posterior levou a Salinas a ser nomeado en 1865 profesor extraordinario de Arqueoloxía na Universidade de Palermo,[4] e só dous anos despois profesor titular desa cátedra.[3] Nesta universidade exerceu en dous períodos como decano da súa Facultade de Artes (1880-1882 e 1893-1896), e entre 1903 e 1904 exerceu o cargo de reitor.[8][9]
Durante todo ese período, sucedéronse as súas publicacións, sobre asuntos tanto arqueolóxicos como numismáticos.[10]
En 1873, foi nomeado director do Museo Nacional de Palermo,[11] unha institución á que doou arredor de 6.000 moedas,[9] tanto procedentes da súa colección familiar como recollidas durante as súas viaxes, ademais doutros obxectos arqueolóxicos, como escaravellosexipcios, selos bizantinos e medievais sicilianos ou téseras de chumbo.[2]
Entre outras institucións, tamén formou parte do Consello Superior de Educación Pública durante catro anos, foi membro do Consello Superior de Antigüidades e Belas Artes desde a súa creación e foi un dos fundadores e primeiro presidente do Instituto Italiano de Numismática, en 1912.[2][12]
A obra científica de Antonino Salinas é moi extensa, con numerosos artigos e notas en revistas especializadas.[17][18] Unha clasificación cronolóxica das súas publicacións está dispoñible a modo de limiar na obra conxunta dedicada á súa memoria e coñecida como Miscellanea Salinas.[19]
↑Salinas, A. (1858). "Appendice alla memoria sulle monete punico-sicuie dell'abate Gregorio Ugdulena ed esame della stessa". En La Scienza e la Letteratura. Lo Bianco, Palermo.
Spatafora, F.; Gandolfo L. (2014). "Del Museo di Palermo e del suo avvenire". En Il Salinas ricorda Salinas. 1914-2014. Regione Siciliana, Palermo. ISBN 978-88-6164-265-2
Villa, A. (2012). "Antonino Salinas". En Dizionario biografico dei soprintendenti archeologi (1904-1974). Bologna University Press, Boloña. Páxinas 673-682. ISBN 9788873957522
Vistoli, F. (2017). "Salinas, Antonino". En Dizionario Biografico degli Italiani. Vol. 89.